lunes, 14 de abril de 2014

Linguas clásicas e medicamentos: Rinobanedif

Comezamos unha nova serie de etimoloxías, esta vez dedicado ao mundo do medicamento. Poñer nome a un medicamento é un proceso que pode levar a equipos especializados dous ou tres meses de traballo e custar aos laboratorios ata 1.000.000 de euros, segundo nos informa este interesante artigo. Como non podía ser menos, o latín e o grego xogan un importantísimo papel nesta procura dun nome curto, pegadizo e fácilmente pronunciable en todas as linguas.

Imaxe: http://goo.gl/Z63Upn
O medicamento elixido tráeme recordos e aromas da infancia: Rinobanedif, unha pomada nasal, originariamente de Laboratorios Andreu, actualmente comercializada por Bayer e recomendada para afeccións inflamatorias, alérxicas e infeccións da mucosa nasal, rinite sinusite. Debe de tratarse dunha fórmula moi boa porque neste mundo que todo cambia cada intre, parece como un milagre que un medicamento siga no mercado desde os felices anos 60. Vexamos que elementos lingüísticos elixiron os creativos do momento para bautizar esta pomada que tanto alivio me aportou durante toda a miña vida.

"Rin(o) gr., rhīn(o)-, ῥί-ς/-νός, 'nariz'. Optan claramente por referirse á parte do corpo interesada, collendo a raíz correspondente na língua científica por excelencia: o grego. Esta raíz podemos atopala en palabras como otorrinolaringoloxía, rinoplastia ou rinovirus.
Bane- Se acudimos ao vademecum vemos que a composición do medicamento é: Bacitracina-zinc, Clorobutol, Eucaliptol, Fenilefrina hidrocloruro, Gomenol, Neomicina sulfato, Prednisolona. Co que o elemento -bane- parece estar formado por duas sílabas das palabras Bacitracina e Neomicina.
Dif-.  Este formante en realidade son as siglas do prestixioso Departamento de Investigaciones Farmacológicas dos Laboratorios Andreu (D.I.F.) creado en 1935 e que pasou a integrarse nos nomes de numerosos medicamentos da casa como Dif Vitamin ou Hepadif, que xa non se comercializan.

A modo de curiosidade final diremos que este medicamento foi protagonista dun curioso caso de dopaxe no ciclismo dos anos 90. Para máis información, clica aquí.

PD: Meu pai, José María Domènech, foi longos anos representante para Galicia dos Laboratorios Andreu, de ahí a miña familiaridade cos nomes destes medicamentos e outros en xeral. Gustaríame dedicar este artigo ao meu pai e aos medicamentos cos que traballou, sen os que o autor deste post non tería a oportunidade de formarse e exercer o nobre oficio de ensinar á xente nova.

Fernando Domènech. @domenechino